Enquisa HostaleríaDigna

A C.N.T. ante a fin da ultraactividade dos convenios

A favor dos dereitos, en contra da explotación

8 de Xullo, esta data non debería pasar desapercibida para ningún/a traballador/a, xa que marca un antes e un despois para os nosos dereitos laborais e as nosas condicións de vida. Dito doutra maneira, o poder económico -patronais- e o poder político -gobernos e partidos- asestaron outro duro golpe á clase obreira: os convenios colectivos comezarán a ser historia, sobre todo os provinciais. A súa implantación e duración teñen data de caducidade.

Se xa as últimas reformas laborais -PSOE, PP- baleirábanos de contido, a partir deste 8 de Xullo de 2013 os empresarios poderán deixar sen convenio a todos aqueles sectores económicos que consideren oportuno, así como obrigar aos traballadores a basear a súa relación laboral en función dun convenio de ámbito superior (autonómico ou estatal) ou do Estatuto dos Traballadores, en caso de non existir convenio superior. Canto máis arriba o marco legal da actividade económica da empresa e máis lonxe do noso posto de traballo, menos dereitos e salario para nós e máis beneficios para os empresarios.

Os sindicatos maioritarios e institucionais sacaron o seu discurso, un discurso a medias tintas por non dicir compracente, o discurso do mal menor. Dinnos que están a negociar, que haberá acordo ou que se acudirá á arbitraxe e aos tribunais. É a súa maneira de se lavar a cara e evitar parecer responsables, á vez que sufocan e controlan calquera tipo de resposta por parte dos traballadores ante esta agresión. Que fixeron para denunciar esta agresión antes de ser implantada?

O certo é que os traballadores cada vez estamos máis indefensos e cada vez somos máis vulnerábeis ante o abuso empresarial e as case divinas leis do mercado.

Isto é un encerro, 8 de Xullo San Fermín, pero durará máis que uns poucos minutos durante 7 días. Será todos os días durante moitos anos para nós e os nosos fillos, e as cornadas, que serán dolorosas, non virán de animais con catro patas aínda que si con cornamenta... Velaquí a cuestión, os traballadores botaremos a correr sen rumbo e con medo, ou colleremos ao touro polos cornos organizándonos e plantándolles cara?

Esta nova situación lémbranos a un escenario social anterior ao dos aclamados Pactos da Moncloa. Até aquel momento os traballadores buscabamos a negociación directa con cada empresa para fixar as condicións do noso traballo en función de dous parámetros simples e reais: o traballo realizado e o beneficio que se obtiña con este. Pretendíase fixar o salario e as melloras das condicións de traballo en cada centro e en base a estes dous simples criterios. Fai máis de tres décadas os traballadores estabamos concienciados e organizados, esixiamos dereitos, melloras salariais e aspirabamos a cambiar as cousas. Para conter e debilitar ao movemento obreiro orquestraron estes Pactos da Moncloa, aos cales se sumaron todos aqueles que dicían defender aos traballadores, cando só querían sentar á mesa do amo para obter privilexios económicos e políticos. Consecuencia daquela concertación foi a prórroga das eleccións sindicais franquistas e a imposición dos convenios colectivos, a obrigatoriedade de fixar os salarios en base ao IPC..., hoxe dinnos que todo isto xa non é necesario e teñen razón. Xa non necesitan conter nin as reivindicacións nin o movemento obreiro e estórbanlles os marcos legais para poder impor libremente as condicións da nosa explotación.

Ante as agresións, non te resignes. Organízate e loita.

Secretariado Permanente do Comité Confederal da CNT