Enquisa HostaleríaDigna

CNT súmase ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero

 

 

Este 25 de novembro a CNT súmase ao Día Internacional contra a Violencia de Xénero na súa denuncia das distintas formas de violencia que os homes exercen sobre as mulleres dentro deste sistema capitalista que o lexitima.

No Estado español, case mil mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas desde 2003, 44 delas no que levamos de 2018. A estas cifras oficiais, hai que sumar os feminicidios e asasinatos considerados non oficiais, coma son os asasinatos de mulleres a mans de violadores que non eran parella ou exparella, asasinatos de prostitutas por parte de clientes, asasinatos de menores fillos e fillas víctimas de violencia de xénero...

O asasinato é a forma máis brutal de violencia de xénero, pero non a única. Violencia de xénero tamén son as agresións sexuais, a revictimización xudicial, a infravaloración laboral e social, o acoso sexual no traballo, a subordinación económica, os "piropos" na rúa, os "chistes" machistas, a publicidade sexista... todas partes dun engranaxe que permite e normaliza a violencia contra a muller e limita a súa capacidade de defensa.

Desde a CNT consideramos que a violencia contra as mulleres é un dos mecanismos máis brutais que sirven para perpetuar a forma de control e sometemento máis antiga e arraigada na humanidade: o patriarcado. Este 25 de novembro denunciamos que o machismo sigue instalado na raiz da sociedade e que os dereitos das mulleres seguen sen ser respectados nos seus aspectos máis básicos.

Denunciamos tamén que, en moitos casos, a defensa do feminismo por parte de partidos e institucións quédase en meras poses estéticas ou declaracións de intencións que non teñen consecuencias nas vidas das mulleres. Denunciamos que unha das principais razóns para caer na pobreza é ser muller. O 60% das persoas que pasan fame no mundo de forma crónica son mulleres e nenas. Elas constituen duas terceiras partes dos case 800 millóns de analfabetos e posúen menos dun 20% da terra cultivable, a pesares de que máis de 400 millóns de agricultoras producen a maioría dos alimentos que se consumen no mundo.

Denunciamos o uso dos nosos corpos nos conflitos bélicos como territorio de batalla, a situación das mulleres que fuxen e das que se quedan, violadas, asasinadas, degradadas ata o extremo, en cidades devastadas por estados terroristas, intereses xeo-económicos e señores da guerra. Situámonos ao lado de todas as mulleres migrantes, arroxadas a tareas mal pagadas e definidas coma novas clases de servidumbre.

Os recortes en protección e atención a víctimas de violencia de xénero foi unha constante, a escasez de medidas de igualdade nos convenios colectivos e plans de igualdade nas empresas, a falta de medidas reais e efectivas nos xa escasos plans de igualdade existentes, a falta de seguimento dos protocolos anti-acoso polas empresas nos escasos supostos nos que existen... A loita contra a discriminación laboral directa ou indirecta das mulleres rara vez se ten en conta na negociación colectiva e nuna é unha prioridade. Hai que sumar os novos intentos da dereita e a extrema dereita de capitalizar o voto machista realizando ataques frontais ás mulleres, tales coma voltar a considerar delito o aborto ou derogar a lei integral contra a violencia de xénero.

Ante isto, desde a CNT, coma organización feminista, reiteramos o que manifestamos o pasado 8 de marzo: que confiamos na organización e no apoio mutuo como ferramenta para plantar cara, xuntas, a un sistema patriarcal que nos oprime e nos explota, nos humilla e discrimina, nos nega e nos mata polo mero feito de ser mulleres e animamos á nosa afiliación a participar das distintas mobilizacións que o movemento feminista está convocando por todo o estado.