Enquisa HostaleríaDigna

A CNT denuncia os incumprimentos do Concello de Muros co persoal do Grupo de Emerxencias Supramunicipal

  • A CNT reclama a fixeza da relación laboral do persoal
  • Tamén se presentan varias demandas por pagar salarios inferiores aos correspondentes legalmente
  • A realización de horas extras e os incumprimentos da normativa de prevención de riscos son tamén circunstancias habituais

Para o sindicato CNT, os Concellos base dos GES deberían facerse cargo dos seus traballadores e traballadoras como “mostra de responsabilidade co servizo de emerxencias e coa cidadanía” e sinalase que nomeadamente o Concello da Muros incorre en graves irregularidades “non so ao realizar contratos eventuais para traballos de carácter permanente, senón que nin sequera conta cunha Relación de Postos de Traballo ao que adscribir ao seu persoal”.

Os GES constituíronse en 2013 tras superar o persoal un proceso de concurso-oposición e están vinculados desde entón ao Concello de Muros como persoal laboral. Actualmente os contratos do persoal dos distintos GES en Galicia están pendentes da renovación do convenio marco que Xunta, Deputacións e FEGAMP elaboran e ao que se adhiren posteriormente os Concellos que son base dos GES.

Así, os traballadores e traballadoras deste servizo de emerxencias fundamental para a cidadanía declaran atoparse “bastante intranquilos” nunha situación de incertidume onde ven perigar os seus postos de traballo e onde non reciben “nin a máis mínima explicación” sobre o seu futuro laboral por parte de ningunha das distintas administracións intervintes no seu marco regulatorio.

Así mesmo, os GES denuncian que o Concello de Muros non está a pagar as nóminas conforme ao grupo profesional que lles corresponden, deixando así de percibir milleiros de euros anuais polo seu traballo. Estas reclamacións económicas dos traballadores do servizo do GES atópanse amparadas nos mesmos orzamentos muinicipais, se ben a vontade do Concello por cumprir a súa propia norma semella nula, “toda vez que os responsables do Concello teñen desde fai case un ano estas reclamacións enriba da mesa sen que ata o momento se teña constancia da vontade de arranxar a situación dos seus traballadores do GES”, informan desde a CNT.