Enquisa HostaleríaDigna

No pasamento do Tigre

Ven de finar o noso compañeiro Mario Roldán Hernández, O Tigre. Membro destacado do grupo de cenetistas monfortinos que xogaron un importante papel no relanzamento e desenvolvemento da Confederación en Compostela dende principios dos anos 80 do pasado século. De modo natural se vincula en Monforte con familias traballadoras das minas do Freixo, onde a Confederación tivo presenza relevante antes do levantamento fascista.

O Tigre estivo activamente presente en momentos clave da reimplantación da confederación. A súa convicción antimilitarista levouno a asumir un compromiso persoal co movemento antimilitarista de Insubmisión ao servizo militar que promoveu o sindicato na Galiza ou coas accións relacionadas co xuízo pola defensa das siglas diante do Tribunal Supremo a finais dos 80. A súa vida estivo vinculada ao mundo do espectáculo no que desenvolveu múltiples iniciativas en diversos campos. Alleo á política de subvencións na arte, sufriu unha certa marxinación nos últimos ao non aceptar componendas. A presenza do Tigre transmitiunos sempre a cercanía do ideal e a enerxía ilusionada e optimista que nos impulsa a acadalo. Contigo compañeiro, ata sempre. Viva a Anarquía!

Na despedida do noso irmán Mario Roldán, O Tigre.

 

Como unha mañá fomos medrando xuntos

Ti atravesado por unha ilusión sincera

Na decisión pola vida que merece ser vivida...

E que ti regalabas

Metáfora da utopía que anhelabas...

No abrazo inmenso do teu corazón xeneroso.

 

Un latexo que se expande incalculable

Pola acción efectiva da túa vida

Que non pode ser cercado nin dominado

Por ser o querer mesmo do pobo...

Que non sabe de amos nin bandeiras...

Por ser tecido coa urda mesma da liberdade

 

E agora meu querido amigo...

O teu calor e o teu sorriso

Coa risa e o afecto

Coa palabra e a lucidez que derruba a falsidade

Da trama da vida que ti ben coñecías

Alén de toda representación, antes de toda verdade.

 

Unha derradeira aperta

Unha derradeira mirada, noso amigo, noso irmán.

Para sempre.