Enquisa HostaleríaDigna

CNT presenta conflito colectivo na AMTEGA

Amtega

  • O obxectivo é rematar coa discriminación na estrutura salarial do persoal laboral temporal informático
  • O plus supón diferencias salariais de ata 750€/mes para o persoal de grupo A
  • O resultado será tamén importante para o persoal informático non integrado na AMTEGA

 

CNT ven de presentar conflito colectivo contra a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que agrupa a gran parte do persoal público informático da Xunta de Galicia.

O obxectivo do conflito é poñer fin á situación de discriminación que se produce a parte do persoal laboral informático por mor da NON percepción do denominado “plus de equiparación”.

Este plus nace no ano 1993 mediante acordo do Consello da Xunta, e homologa a percepción salarial entre persoal laboral e persoal funcionario nos diferentes grupos, que en realidade, viñan facendo as mesmas funcións para diferentes Consellerías. A realidade foi ben diferente xa que dependendo das Consellerías cobrábase ou non, sen máis criterio que a arbitrariedade.

No ano 2007 as categorías de persoal laboral temporal e laboral indefinido non fixo a través da Disposición Transitoria Décima do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, obtiveron o recoñecemento dunha equiparación que xa se producira nalgúns casos pola vía xudicial, e consolidaron os postos de traballo.

Desde o ano 2012 gran parte o persoal informático refundiuse nunha única axencia: a AMTEGA, que fai diferenzas salariais entre o persoal informático temporal que realiza as mesmas funcións.

Segundo informa CNT, a percepción do plus supón “importantes” diferencias salariais “de aproximadamente o 25%, como exemplo, para o persoal de grupo A supón 750€ ao mes”.

Aparte do persoal informático da AMTEGA incluído no conflito colectivo, existe persoal informático pertencente á Xunta de Galicia que tampouco teñen recoñecida esta situación, para os que CNT “xestiona actualmente demandas individuais”.

CNT “insta” á AMTEGA, e á propia Xunta de Galicia, a equiparar ao persoal laboral temporal informático que sofre esta discriminación salarial e aboarlle os atrasos correspondentes.

Segundo a sección de CNT na AMTEGA trátase “dunha oportunidade para comezar a cambiar as políticas respecto do persoal propio que leva tantos anos aturando esta discriminación” á vez que “anima a visibilizarse” a todo o persoal informático que non perciba o plus de equiparación en nómina.

 

 

Sección Sindical CNT

AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia. Xunta de Galicia)

sindicato-cnt@xunta.gal // galiza@cnt.gal

www.cnt.gal/?q=xunta