Enquisa HostaleríaDigna

A CNT demanda a BARTI SERVICIOS 2009 por despedimento nulo

• A empresa despide a unha traballadora como represalia por coller unha baixa médica de previsíbel longa duración

• A empresa adebeda ademáis milleiros de euros en concepto de horas extraordinarios, festividades e nocturnidades sen pagar

A CNT interpón unha demanda por despedimento nulo contra a empresa BARTI SERVICIOS 2009, dedicada á axuda á domicilio. A demanda está motivada pola acción represiva da empresa ante a necesidade dunha traballadora desta empresa de acceder a unha baixa médica despois dun accidente laboral. A empresa despide a traballadora alegando a finalización do seu contrato temporal, realizado en fraude de lei.

Segundo a central anarcosindicalista o contrato de traballo estaría realizando en fraude de lei, evitando así a contratación indefinida da traballadora, pois “a prestación de servizos establecida no contrato non ten unha finalización concreta así como que as funcións desempeñadas pola traballadora como auxiliar de axuda a domicilio derívase dunhas necesidades permanentes da empresa, necesidades que son persistentes no tempo”. Segundo a CNT, o despedimento debe ser cualificado de nulo, e polo tanto BARTI SERVICIOS 2009 debe reincorporar á traballadora no cadro de persoal posto que se trata “dun despedimento discriminatorio que atenta contra o dereito á igualdade, á integridade física, á saúde e á dignidade”.

Asi mesmo, a empresa mantén unha serie de débedas económicas coa traballadora despedida que desde a CNT cualifícanse de “vergoñosamente astronómicas”. Estas débedas ascenderían a máis de 60.000 euros, en concepto de salarios sen percibir, vacacións sen desfrutar, nocturnidades, festivos traballados e, sobre todo, horas extraordinarias. Segundo a CNT, a traballadora, que estaba contratada por unha xornada de 30 horas semanais, “en realidade traballaba como interna no domicilio, sen descanso semanal e apenas contaba con tres horas de descanso cada día. Isto supón a realización de 4.218,5 horas extraordinarias (2.546 delas en periodo nocturno) só no último ano, o que supón a acumulación de dúas xornadas e media máis, dando lugar a unha situación que debera cualificarse sen ambaxes como escravismo e que aínda hoxe padecen a maioría das mulleres empregadas no servizo doméstico”.

Desde a CNT chaman a todas as traballadoras do servizo doméstico “a denunciar estas situacións de escravitude e defender activamente a dignidade do seu traballo e o dereito a desenvólvelo desde o respecto á legalidade laboral”.